Out
30
2011
2

NaNoWriMo 2011

Despois deste verán tan longo, co frío chega o NaNoWriMo!!! ( http://www.nanowrimo.org/ )

Animádevos a me seguir na aventura de escribir unha novela histórica sobre o Mariscal Pardo de Cela, famoso na miña terra, a modo de celebración, non só da súa historia e da nosa, mais tamén do centenario do nacemento do grandísimo escritor Álvaro Cunqueiro.

Podes seguirme aquí, ou para cousas máis concisas, no Cabozo http://cabozo.com/user/excalibor

Desexádeme sorte, xa que o ano pasado foi terríbel e, ben, pasei 6 meses sen ler e 11 meses sen escribir :-/

Necesitarei do voso apoio! :-)

Kallisti!

Written by excalibor in: nanowrimo | Etiquetas:
Set
12
2010
2

Insubmisión, insubmissom ou insubmissão?

Eis que remata o verán e en novembro comezará un novo  NaNoWriMo e teño certas dúbidas.

Son moi orgulloso da resposta que os meus compatriotas deron e están a dar aos ataques en contra da lingua alá na Galiza, é doroso vivir isto desde o exilio que supón esa nova onda de emigración, unha enorme vaga que de novo leva galegos a marchar para percurar a vida fóra.

Porén, teño unha inquedanza. A miña nova novela, que será escrita en galego, ficción histórica verbo da propia Historia do país, el terá algunha posibilidade na Galiza? Tras os ataques á lingua, ao sistema educativo, á cultura galega na radio televisión, nas clases e agora tamén nos medios escritos en galego, esta semellanza de concordia en prol da lingua en tempos pre-electorais, non por benvida, será verdadeira? Aínda máis, será posíbel que a lingua sobreviva na Galiza?

Estas son dúbidas egoístas, supoño, xa que logo a novela vai ser escrita porque está a pedir saír de dentro, non para ser publicada. Mais se así for, que futuro pode esperar no minguante mercado galego? Os compañeiros que en Madrid escriben, algún deles a piques xa de publicar a súa segunda novela, din que o mercado galego non é relevante. Xa é duro sobrevivir no mercado español e americano! Son palabras pragmáticas, mais non podo evitar sentir certa xenreira e reivindicar  que a miña lingua tamén é lingua de millóns, é lingua de cultura e de grande e profunda sabedoría!

Só que, aparentemente, na Galiza xa non o saben. Non cando Manuel Rivas vende máis as traducións das súas obras en castelán que os propios orixinais galegos! Non cando o DRAG e o VOLGa son tan pobres en vocabulario que ás veces xa non sei como escribir o que quero dicir e que sexa normativo! Deberei facer como o Presidente da RAG e saltarme as Normas cando estas non chegan? E por que non chegan tras 30 anos de traballo?

O bilingüismo de Madrid (castelán/inglés) comeza a ser odioso, cando cartos que poderían ser usados na educación pública, na sanidade pública, etc van parar aos colexios «concertados»! E a miña lingua, que? A lingua deste políglota, que ri fronte a este bilingüismo pragmático (por que non aprender mandarín? De feito, é moi interesante!) do novo Deus absoluto: a pecunia (el será a nova Deusa? Irónico, non si?).

E a nova RAG? E a Normalización? Onde están? Todo vai demasiado amodo. Por que case é máis doado atopar un dicionario de «Mínimos» para Linux que da normativa oficial? Case que parece que os reintegracionistas mostran máis coherencia e máis feitos con menos recursos para a defensa da lingua que os propios organismos cuxa existencia é precisamente esa defensa… Certamente na miña recente visita ao Porto, alá no Douro, sentinme case máis na casa (lendo os cartazos, visitando librarías, falando coa xente) que este verán nas vilas da Mariña lucense ou en Santiago ou na Coruña.

É realmente producente para a novela ser escrita na normativa oficial ou debería voltar á AGAL como hai anos? Como o propio Lois Pereiro, próximo homenaxeado no Día das Letras? Ou debería, directamente, integrarme no tronco principal e seguir o Novo Acordo Ortográfico?

A novela é para min, así que dá un pouco o mesmo. Mais se algún día eu gustar de publicala, como faría? É algo que deixar nas mans dos editores? Dos lectores? Do cruel fato? Ou debo ser insubmiso e renegar do oficial, que non funciona, e pasar ao outro lado, e loitar con feitos e palabras?

Eis unha grande dúbida que me asalta mentres estudo para mellorar o meu galego escrito, mentres investigo para a miña novela histórica.

Aínda hai tempo até o 1 de novembro. Algún consello?

Written by excalibor in: ensaio,lingüística,literatura,nanowrimo,queixa |
Nov
02
2009
0

Nanowrimo 2009

Pois un ano máis, estamos no NaNoWriMo!

Este ano son un NanoRebelde, e continúo coa edición e reescrita (en parte) de «Desexos», co gallo de poder rematar dunha vez e tela lista para enviar ás editoriais para finais deste ano…

Xa veremos, polo momento teño bastante traballo adiantado e algunhas ideas seica interesantes para achegar máis o libro ao público que será posibelmente o definitivo, o xuvenil/xoven-adulto.

Xa vos informarei con máis tempo, que ando ás presas coma sempre.

Kallisti!

Written by excalibor in: nanowrimo | Etiquetas: ,
Mai
20
2009
0

Cantos anos xa?

Que relativo é o tempo! Hai 36 anos chegaba eu ao mundo en medio de choros (e dis que non parei nun ano enteiro!) e agora, xa vedes… :-)

Pasei un bo día, que aínda non rematou, e espero levar así de ben o resto do ano… :-P

Como regalo do Día das Letras deste ano, lin A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.

Gustoume moito. Tanto que non me durou un día enteiro. Que envexa, que ben escribe esta muller…

En fin, queda gozar dos seus libros e tentar aprender dela… :-)

Recoméndovolo de todo corazón, tanto para mozos como para adultos, é un libro ben feito, que trata dunha forma moi madura e sensíbel un tema tan terríbel e desagradábel como é a violación.

Realmente, chapeau!

E despídome, que o aniversario segue! :-)

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,literatura | Etiquetas: ,
Abr
26
2009
0

Gañamos!

Pois si. Esta tarde, na quedada en Madrid, rematei o borrador do meu primer guión de cine… :-)

Gañador do Script Frenzy 2009

Gañador do Script Frenzy 2009

Foi moi divertido, a verdade, e permitiume explorar un medio que tiña un pouco esquecido, aínda que leo bastante teatro de cando en vez (de feito o meu libro favorito é unha obra de teatro).

Teño que lles agradecer aos rapaces da Oficina da Luz e das Letras por organizar estes concursos…

En fin, agora volveremos á edición de Desexos, e dentro duns meses, volveremos a Portas a ver que podemos sacar de bo e aprender.

Ánimo aos que quedan, aínda hai tempo!

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,script frenzy | Etiquetas: ,
Abr
25
2009
0

Quedada en Madrid

Pois chegamos ao derradeiro fin de semana do Script Frenzy, e con 88 páxinas (87 de historia) a cousa está lista para sentenza.

Hoxe temos quedada en Madrid. Non sei se aparecerá alguén, xa que o número de participantes é sensibelmente inferior ao Nanowrimo. De todas formas, eu irei. Se aparece alguén, estupendo; en outro caso, terei un tempo lonxe de distraccións para rematar a miña película… :-)

Xa vos contarei. Abur!

Written by excalibor in: Anuncio,script frenzy | Etiquetas: ,
Abr
20
2009
0

Portas, portas…

Pois o caso é que a cousa, a pesares da pausa das vacacións, vai bastante ben. Hoxe superei a barreira das 70 páxinas, xa ben metido no terceiro acto (si, son clásico, tres actos :-P ) e o caso é que é bastante divertido… :-)

73 páxinas nas que exploro a tola idea que se me ocorreu xusto o día anterior ao comezo do ScriptFrenzy…

Non estou demasiado contento co resultado, porque queda un pouco… lixeiro.

Aínda teño o desenlace, que espero engada un pouco de profundidade á historia. Teño 27 páxinas para facer do final algo digno de lembrar e así ter unha excusa para revisar todo o guión e facer unha historia memorábel, polo menos un anaquiño… :-)

En fin, queda pouco… Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,script frenzy | Etiquetas: ,
Abr
02
2009
0

Portas

Ese é o título do meu guión, Portas, unha historia intimista e lixeiramente fantástica sobre a condición humana.

Vai, polo momento, moi ben, a verdade. Case diría que sorprendentemente ben, se non fose porque eu gosto moito do teatro, e o certo é que en esencia é exactamente o mesmo, así que ademais de fácil, está a resultar moi divertido… :-)

Para que quede, pois, constancia de todo, engado o banner de participante no Script Frenzy 2009:

I\'m In, Script Frenzy 2009

I'm In, Script Frenzy 2009

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,script frenzy | Etiquetas: ,
Mar
26
2009
0

Nanoedmo remata e chega o Script Frenzy!

Pois ao Nanoedmo xa lle queda ben pouco. Eu vou razoabelmente ben, aínda que para invertir as 50 horas vou ter que pórme algo serio, pero é algo posíbel.

Tamén recibín unha invitación ao Script Frenzy, que é un primo do Nanowrimo, pero o obxectivo, no canto dunha novela de 50000 palabras nun mes é o de escribir un guión de cine, televisión,obra de teatro ou similar, de 100 páxinas.

Parece tan apetecíbel… :-)

Aínda non o confirmei, porque non teño absolutamente ninguna idea que poida facer, pero estou a elo. Xa vos terei informados.

E así, ademais dos guións de Notting Hill e de Pulp Fiction (se tedes o guión de Crimson Tide, Marea Vermella, por favor dicídemo!) e os libros que leo, segundo me deixa o Edmo, engadín á colección nunha visita á libraría de Sargadelos un libro de Jô Soares, O Xangô de Baker Street, unha novela de Sherlock Holmes en Brasil por un escritor brasileiro aparentemente famoso, sobre todo no mundo da televisión. A verdade é que, polo momento, está fantástica, e iso que Holmes só apareceu un anaquiño (está a viaxar, claro)… :-)

En fin, un remate de marzo interesante, comezamos a primavera con pulo e enerxía.

kallisti!

Mar
11
2009
0

Nova bolboreta

Publiquei unha nova bolboreta en Espallando bolboretas, por se queredes lela.

Por outra banda, e mentres teño un pouco apartado María das batallas, rematei Death Note, Another Note: The Los Angeles BB Murder Cases, de Nisioisin, un libro baseado no incríbel manga xaponés. Unha lectura rápida e envolvente, a verdade, e vou comezar a ler Morgún, de Suso de Toro. Xa vos contarei, porque ando liado coa edición de Desexos.

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,literatura,nanoedmo,queixa | Etiquetas:
Olark Livehelp

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes