Set
12
2010

Insubmisión, insubmissom ou insubmissão?

Eis que remata o verán e en novembro comezará un novo  NaNoWriMo e teño certas dúbidas.

Son moi orgulloso da resposta que os meus compatriotas deron e están a dar aos ataques en contra da lingua alá na Galiza, é doroso vivir isto desde o exilio que supón esa nova onda de emigración, unha enorme vaga que de novo leva galegos a marchar para percurar a vida fóra.

Porén, teño unha inquedanza. A miña nova novela, que será escrita en galego, ficción histórica verbo da propia Historia do país, el terá algunha posibilidade na Galiza? Tras os ataques á lingua, ao sistema educativo, á cultura galega na radio televisión, nas clases e agora tamén nos medios escritos en galego, esta semellanza de concordia en prol da lingua en tempos pre-electorais, non por benvida, será verdadeira? Aínda máis, será posíbel que a lingua sobreviva na Galiza?

Estas son dúbidas egoístas, supoño, xa que logo a novela vai ser escrita porque está a pedir saír de dentro, non para ser publicada. Mais se así for, que futuro pode esperar no minguante mercado galego? Os compañeiros que en Madrid escriben, algún deles a piques xa de publicar a súa segunda novela, din que o mercado galego non é relevante. Xa é duro sobrevivir no mercado español e americano! Son palabras pragmáticas, mais non podo evitar sentir certa xenreira e reivindicar  que a miña lingua tamén é lingua de millóns, é lingua de cultura e de grande e profunda sabedoría!

Só que, aparentemente, na Galiza xa non o saben. Non cando Manuel Rivas vende máis as traducións das súas obras en castelán que os propios orixinais galegos! Non cando o DRAG e o VOLGa son tan pobres en vocabulario que ás veces xa non sei como escribir o que quero dicir e que sexa normativo! Deberei facer como o Presidente da RAG e saltarme as Normas cando estas non chegan? E por que non chegan tras 30 anos de traballo?

O bilingüismo de Madrid (castelán/inglés) comeza a ser odioso, cando cartos que poderían ser usados na educación pública, na sanidade pública, etc van parar aos colexios “concertados”! E a miña lingua, que? A lingua deste políglota, que ri fronte a este bilingüismo pragmático (por que non aprender mandarín? De feito, é moi interesante!) do novo Deus absoluto: a pecunia (el será a nova Deusa? Irónico, non si?).

E a nova RAG? E a Normalización? Onde están? Todo vai demasiado amodo. Por que case é máis doado atopar un dicionario de “Mínimos” para Linux que da normativa oficial? Case que parece que os reintegracionistas mostran máis coherencia e máis feitos con menos recursos para a defensa da lingua que os propios organismos cuxa existencia é precisamente esa defensa… Certamente na miña recente visita ao Porto, alá no Douro, sentinme case máis na casa (lendo os cartazos, visitando librarías, falando coa xente) que este verán nas vilas da Mariña lucense ou en Santiago ou na Coruña.

É realmente producente para a novela ser escrita na normativa oficial ou debería voltar á AGAL como hai anos? Como o propio Lois Pereiro, próximo homenaxeado no Día das Letras? Ou debería, directamente, integrarme no tronco principal e seguir o Novo Acordo Ortográfico?

A novela é para min, así que dá un pouco o mesmo. Mais se algún día eu gustar de publicala, como faría? É algo que deixar nas mans dos editores? Dos lectores? Do cruel fato? Ou debo ser insubmiso e renegar do oficial, que non funciona, e pasar ao outro lado, e loitar con feitos e palabras?

Eis unha grande dúbida que me asalta mentres estudo para mellorar o meu galego escrito, mentres investigo para a miña novela histórica.

Aínda hai tempo até o 1 de novembro. Algún consello?

Written by excalibor in: ensaio,lingüística,literatura,nanowrimo,queixa |

3 Comments

  • Non son ninguén para te orientar na escrita, faceta na que tes moita máis experiencia ca min. Porén, compañeiro, o único que se me ocorre a respecto da cuestión que colocas, é convidarche a escribires na norma que mellor exprese a túa intención literaria. Eu son reintegracionista pero asumo a norma resultante do acordo RAG-ILG, que o padrón que emprego.

    Sempre reparei no dificil mester de traducir a pulsión literaria. Escribe no código no que sintas e penses a novela. Eis o meu consello.

    Comment | 12 Setembro 2010
  • Neno, botote de menos nos foros do nano. Creo que ti e máis eu xa somos decanos disto, e vense moitas caras novas, supoño que coa mesme emoción que tivemos nos cando empezamos o primer nano.

    Espero que te animes e nos poidamos ver e mandarlle uns copos (mellor co pseudocafé do starbucks).

    Unha aperta.

    Comment | 20 Outubro 2010
  • excalibor

    Volverei! 🙂

    Comment | 1 Xullo 2014

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes