Set
12
2010
3

Insubmisión, insubmissom ou insubmissão?

Eis que remata o verán e en novembro comezará un novo  NaNoWriMo e teño certas dúbidas.

Son moi orgulloso da resposta que os meus compatriotas deron e están a dar aos ataques en contra da lingua alá na Galiza, é doroso vivir isto desde o exilio que supón esa nova onda de emigración, unha enorme vaga que de novo leva galegos a marchar para percurar a vida fóra.

Porén, teño unha inquedanza. A miña nova novela, que será escrita en galego, ficción histórica verbo da propia Historia do país, el terá algunha posibilidade na Galiza? Tras os ataques á lingua, ao sistema educativo, á cultura galega na radio televisión, nas clases e agora tamén nos medios escritos en galego, esta semellanza de concordia en prol da lingua en tempos pre-electorais, non por benvida, será verdadeira? Aínda máis, será posíbel que a lingua sobreviva na Galiza?

Estas son dúbidas egoístas, supoño, xa que logo a novela vai ser escrita porque está a pedir saír de dentro, non para ser publicada. Mais se así for, que futuro pode esperar no minguante mercado galego? Os compañeiros que en Madrid escriben, algún deles a piques xa de publicar a súa segunda novela, din que o mercado galego non é relevante. Xa é duro sobrevivir no mercado español e americano! Son palabras pragmáticas, mais non podo evitar sentir certa xenreira e reivindicar  que a miña lingua tamén é lingua de millóns, é lingua de cultura e de grande e profunda sabedoría!

Só que, aparentemente, na Galiza xa non o saben. Non cando Manuel Rivas vende máis as traducións das súas obras en castelán que os propios orixinais galegos! Non cando o DRAG e o VOLGa son tan pobres en vocabulario que ás veces xa non sei como escribir o que quero dicir e que sexa normativo! Deberei facer como o Presidente da RAG e saltarme as Normas cando estas non chegan? E por que non chegan tras 30 anos de traballo?

O bilingüismo de Madrid (castelán/inglés) comeza a ser odioso, cando cartos que poderían ser usados na educación pública, na sanidade pública, etc van parar aos colexios “concertados”! E a miña lingua, que? A lingua deste políglota, que ri fronte a este bilingüismo pragmático (por que non aprender mandarín? De feito, é moi interesante!) do novo Deus absoluto: a pecunia (el será a nova Deusa? Irónico, non si?).

E a nova RAG? E a Normalización? Onde están? Todo vai demasiado amodo. Por que case é máis doado atopar un dicionario de “Mínimos” para Linux que da normativa oficial? Case que parece que os reintegracionistas mostran máis coherencia e máis feitos con menos recursos para a defensa da lingua que os propios organismos cuxa existencia é precisamente esa defensa… Certamente na miña recente visita ao Porto, alá no Douro, sentinme case máis na casa (lendo os cartazos, visitando librarías, falando coa xente) que este verán nas vilas da Mariña lucense ou en Santiago ou na Coruña.

É realmente producente para a novela ser escrita na normativa oficial ou debería voltar á AGAL como hai anos? Como o propio Lois Pereiro, próximo homenaxeado no Día das Letras? Ou debería, directamente, integrarme no tronco principal e seguir o Novo Acordo Ortográfico?

A novela é para min, así que dá un pouco o mesmo. Mais se algún día eu gustar de publicala, como faría? É algo que deixar nas mans dos editores? Dos lectores? Do cruel fato? Ou debo ser insubmiso e renegar do oficial, que non funciona, e pasar ao outro lado, e loitar con feitos e palabras?

Eis unha grande dúbida que me asalta mentres estudo para mellorar o meu galego escrito, mentres investigo para a miña novela histórica.

Aínda hai tempo até o 1 de novembro. Algún consello?

Written by excalibor in: ensaio,lingüística,literatura,nanowrimo,queixa |
Set
11
2008
5

Reintegracionismo

A mellor maneira de facer amigos… 🙂

Porén, é un tema importante e quería lanzar varias cuestións ao ar e ver que pasa, ademais de compartir a miña opinión, por pequena que sexa.

Hai un mes ou dous, alá polos primeiros de xullo, comecei a pensar en escribir a miña próxima novela para o Nanowrimo en galego. Collín a normativa actual de internet sabendo que nos anos que levo en Madrid e des que estudiaba, as cousas cambiaran un pouco.

Comprei algúns libros, en particular un, I Encontros Labaca. Ponencias, publicado na Serie Liminar lingüística de Ediciós do Castro, do ano 1984, ISBN: 84-7492-217-8. Nel móstranse diferentes visións acerca do galego que ensinar na escola.

Lembremos que estamos a falar dos tempos nos que o galego aparecería como asinatura na entón EXB (Educación Xeral Básica), no BUP (Bacharelato Unificado Polivalente) e no COU (Curso de Orientación Universitaria). Por aqueles tempos eu comecei a estudar galego dunha maneira formal, e as lembranzas das discusións e exposicións contidas no libro destes encontros Labaca son ben vívidas, despois de tantos anos.

Eu son reintegracionista de pensamento: no colexio tiven un profesor, en 6º, Anxo, que nos ensinou de forma reintegracionista. No BUP eu usaba as tres normativas por igual, examinábame nelas (falando antes cos profesores) e incluso me permitía facer os exames nas tres (básicamente tiña que demostrar que dominaba a oficial, ainda que as miñas profesoras –no BUP foron todo mulleres– deixáronme usar a que eu sentía máis apropiada, o que lles agradezo enormemente a pesares de que un rapaz de instituto non ten nin idea de qué lle están a falar).

A miña normativa de referencia foi a “de mínimos”. A “de máximos” sempre gustei, mas o asunto de que nin fose o padrón portugués nin algo que os galegos “da rúa” pudesen sentir como propio acougábame un pouco.

Hoxe en día a normativa “de mínimos” básicamente foi refundida na oficial. Hai algúns puntos nos que ainda torzo o morro, que comentarei abaixo.

Sinto, porén, unha certa desazón. Porque a presenza dos reintegracionistas na rede é tremenda e as súas contribucións absolutemente non triviais. Non podo máis que pensar qué están a facer mal os Poderes (a RAG, o ILG, a Xunta…) para perder semellante potencial cultural que se espalla no vento mentres a nosa terra perde a semente.

O camiño para unha reintegración do galego no portugués, penso, sería o fin do galego tal e como o entendemos. Non é necesariamente unha cousa mala. Posiblemente unha unificación co galego do norte de Portugal: indefectiblemente a norma escrita modifica a fala dun pobo que le.

Pero sería a risco de perder unha ou dúas xeracións de falantes, que por moi próximos ao portugués que sexamos (dous blocos dialectais dunha mesma lingua, más non a mesma fala) non aceptarán que podamos ter a nosa lingua escrita no portugués padrón. E non están as cousas hoxe en día como para andar a perder xeracións de falantes, penso eu.

Notemos, porén, que mesmo os portugueses do norte din que o seu portugués é moi parecido ao galego (que eu penso é un continuo diglósico desde Ortigueira ata o Douro, máis ou menos), pero que, mal que nos pese, é o seu portugués (non o seu galego). Estas fronteiras (por certo, podedes ver o documental en Fronteiras no Google Video, é realmente excelente) son reais: non coinciden coas debuxadas nos mapas, pero existen (é fácil de ver no documental, contrastando as ideas que teñen os nosos veciños galegofalantes verdo da súa identidade cultural).

Coa esperanza de que, finalmente, os políticos lograrán normalizar o galego na Galiza, en poucos anos (nos próximos 20 anos), e que durante este tempo poderemos ver mellor o camiño a seguir, decanteime pola normativa oficial: se un portugués pode adaptarse á normativa reintegracionista, pode adaptarse igualmente e co mesmo esforzo á normativa oficial.

Porén, penso que poderíamos, pouco a pouco, facilitar as cousas: a proposta de tildes que fai a normativa oficial, ainda que básicamente coherente cos seus principios, deixa fora, por facilidade, unha serie de normas que ademáis de simplificar o número de tildes a usarmos, serían máis razoables e, ademais, máis pretas do portugués, facilitando o entendimento mútuo:

É moitisimo máis fácil facer “traducción mental” e automatizar a norma básica de -zón/-ción a -ção, ñ a nh, etc, que o feito de que o acento en sabia está en sabia en troques de sabia (palabra que un portugués entenderá trisilábica e paroxítona, pero que a normativa oficial considera bisilábica con ditongo crecente, de ahí o oficial sabía, co til marcando o hiato. A normativa de mínimos non aceitaba a existencia de diptongos crecentes no galego, así que o seu sistema de tildes era moi próximo ao portugués). Independentemente, este tipo de diferenzas entre ambas normas (galega e portuguesa) fai todo realmente máis complicado, igual que, por exemplo, ler un texto coas comas mal postas.

O meu pensamento é que un pobo normalizado e alfabetizado pode entender normas absolutamente arbitrarias, complexas e patrimoniais como a normativa actual do portugués (e castelán tamén!) en tanto o sistema educativo funcione razonablemente ben (o número de rapaces que escriben incorrectamente en castelán, por exemplo, é escandalosamente alto, a pesares de ser obligatorio, ubicuo e todo eso…). Un sistema de uso do hífen similar ao portugués tamén fará as cousas máis sinxelas, pero esto xa é adicional: o fundamental é que algún outro membro da lusofonía poda saber cómo carallo se le o que está a ler sen romperse os cornos sobre os acentos, o demais ven so, posto que nin sequera dous galegos lerán exactamente igual o mesmo texto, escrito na mesma normativa, como non o fan dous casteláns, nin dous ninguéns.

Se o lector lusófono poñe ben os acentos, calquera galego entenderá o que diga, ainda que pronuncie os uves africados ou calquera outra diferencia fonética que xurda lendo un texto galego.

En fin, só uns apuntes sobre un tema complexo.

Por certo, quero un diccionario para o aspell para o GNU/Linux, o que teño está en mínimos, e ademais de un pouco penoso de ver mais non poder “tocar”, é incómodo, e unha das mostras de que a Comunidade fai cousas que os Poderes non: por que hai un diccionario de mínimos e non un oficial? Onde carallo se van os cartos? Vaites, vaites…

Un saúdo

Set
03
2008
1

Lóstrego

Aproveitamos a hora de comer para facer un pouco de reflexión…

Onte, falando cunha compañeira de traballo, xurdiu a palabra lóstrego por eu estar a ler un libro publicado por esa editorial e por teren caido miles deles o pasado fin de semana na nosa querida terra en cousa de poucas horas.

“Lóstrego” é un caso curioso, palabra case única no vocabulario romance, que non existe nin en portugués (o noso exitoso e díscolo dialecto, ou mais ben dos nosos antigos) nin en leonés (ou bables modernos) ou castelán. Sen dúbida unha palabra digna de atención.

Di o diccionario da RAG (sito na Consellería de Educación, Diccionarios de Galego – Diccionario da Real Academia Galega) que lóstregos son:

lóstregos.m. Liña de luz moi intensa, sinuosa e instantánea, producida polo raio. Primeiro vese o lóstrego e despois séntese o trono. SIN. alustro, lustro(2), relampo, relustro.

E sobre o verbo “lostregar”:

lostregar v.i. 1. Producirse lóstregos. Lostregaba que poñía medo. 2. fig. Brillar intensamente por un espacio moi breve de tempo. Os ollos lostregábanlle de ira. u SIN. alampar, alaparear, alustrar, relampar, relustrar.

O diccionario en liña e-Estraviz (e-Estraviz – Diccionário da Língua Galego-Portuguesa) engade:

Lôstrego ou Lostrego s. m. (1) Resplandor muito vivo e súbito, nas nuvens, produzido por uma descarga eléctrica. (2) Figo que amadurece antes de tempo. (3) Molusco lamelibrânquio mais conhecido por morruncho e ostra. N. C. Gryphaea angulata. Como um lôstrego: subitamente, num momento. Sinóns. Afago, lampo.

Non engade máis para “lostregar”.

Porén (xa que “nembargantes” non é normativo, malia o moito que gosto del), o “Digalego” (Diccionario de galego (da editorial Ir Indo) aporta máis datos:

lóstrego
< lostregar
port: relâmpago, relampo cast: relámpago ingl:lightning
s m Resplandor intenso que se produce por unha descarga eléctrica nas nubes.
SIN: alustro, apago, relampo, 2 lustro.

e tamén:

lostregar
< lat v *lustricare ‘brillar’
port: relampaguear, relampear cast: relampaguear ingl: to lighten

1 v i Producirse lóstregos.

2 v i Brillar algo con intensidade.

SIN: alampar, relampar.

Ha! Información etimolóxica! Graciñas a “contradiscurso” de Lareta.net pola información. De feito, seguindo esta liña de investigación aparece fácilmente:

www.logosdictionary.com

Lóstrego
Code:
6070665
Subject: GEOLOGY, METEOROLOGY, HYDROLOGY
Definition: Resplandor vivísimo e súpeto producido nas nubes por unha descarga eléctrica durante unha tormenta ou nos momentos previos a ela.
Etymology: de lostregar (lat. lustricare)
Grammar: Noun Masculine
Plural: lóstregos
Synonym: alustro
Synonym: lustro
Synonym: relampo
Synonym: relustro
Synonym: alustre

Tiramos do fío:

Temos *lustricare… Agora ben, *lustricare é unha forma non rexistrada do latín (posiblemente porque é un verbo de transición do latín oral, moi diferente do latín vulgar dos textos escritos, que non é un reflexo fiel da fala dos hispanorrománs), de aí que leve o asterisco ‘*’.

Do diccionario de latín ‘Words’ de William Whitaker (Whitaker Words):

=>lustrare

lustr.are V 1 1 PRES ACTIVE INF 0 X
lustr.are V 1 1 PRES PASSIVE IND 2 S Early
lustr.are V 1 1 PRES PASSIVE IMP 2 S
lustro, lustrare, lustravi, lustratus V (1st) [XXXCO]
purify cermonially (w/procession), cleanse by sacrifice, expiate;
review/inspect, look around, seek; illuminate; traverse/roam/move over/through;
lustr.are V 1 1 PRES IND 2 S Early
lustr.are V 1 1 PRES IMP 2 S
lustror, lustrari, lustratus sum V (1st) DEP [XXXEO] uncommon
haunt/frequent brothels;
Syncope r => v.r
Syncopated perfect often drops the ‘v’ and contracts vowel
lustrav.ere V 1 1 PERF ACTIVE IND 3 P
lustro, lustrare, lustravi, lustratus V (1st) [XXXCO]
purify cermonially (w/procession), cleanse by sacrifice, expiate;
review/inspect, look around, seek; illuminate; traverse/roam/move over/through;

E tamén:

=>lustrum

lustr.um N 2 2 NOM S N
lustr.um N 2 2 VOC S N
lustr.um N 2 2 ACC S N
lustrum, lustri N (2nd) N [XXXCO]
bog/morass/slough, muddy place; forest/wilderness/wilds, haunt of wild beasts;
den (usu. pl.) of vice/iniquity, place of debauchery; brothel;
purifying/cleansing ceremony; (by censors every 5 years); period of 5/4 years;

Isto comeza a ter senso:

Lustrar (do Lat. lustrāre, “purificar, dar brillo”) é limpar, facer brillar. Un lustro (técnicamente unha lustratio máis que un lustrum) era unha cerimonia de purificación (limpeza) que facían os censores romanos nos tempos da República cando remataban o censo (os romanos estaban clasificados no censo, segundo a renda que gañaban e as terras que posuían, en cidadáns de primeira, de segunda, etc). Este censo facíase cada cinco ou catro anos. De aí que un lustro sexa, por analoxía directa, un período de cinco anos.

Non é difícil, porén, ver a orixe desta palabra. Especialmente cando vemos a orixe da equivalente portuguesa ou castelá (do Buscón da Real Academia Española*relampadāre), que significa algo así como “facer lámpada ou tea, [unha e] outra vez”, esto é, luces repetidas, o que son os lóstregos, vamos… (Por certo, que Lat. lampas < Gr. lampas < Gr. lampo, esto é, ven da palabra “tea” en grego antigo, que ven do verbo “ser brillante”… exactamente o mesmo que o galego relampo. Curioso, eh?)

En fin, que podemos ver que a palabra dá para moito, o noso lóstrego…

Que nós teñamos lóstrego e os portugueses, leoneses ou casteláns non a teñan pode ser explicado polo illamento tradicional do romance occidental na península, moi conservador e procedente dun latín máis culto e conservador procedente da Bética a través do Camiño da Prata, que os romances orientais, expostos as innovacións que chegaban polo Mediterráneo, a Provenza e a Galia. Unha vez temos isto, hai dúas posibilidades:

a) ou ben a palabra perdeu forza ao baixaren os galegos cara o sur da Península (“Reconquista”) e ao misturarse cos romances mozárabes das zonas de Lisboa e o Algarve (se o uso de “relampagare” é unha innovación fronte ao uso de “lustricare” na Lusitania, cousa posible grazas ao comercio marítimo da zona, máis dinámica que a Gallaecia), que despois o impulsaron ata o Miño;

b) deixou de estar de moda fronte a “relampo”, que evidentemente é a mesma palabra con pequenas diferenzas fonéticas -estas cousas, sabedes?, pasan-;

c) ou ben é, directamente, un castelanismo adquirido ben por adstrato co castelán, ben no tempo que Portugal formou parte da Coroa dos Austrias.

En fin, lóstregos… Non podo deixa-lo aquí, sen enlazar á Wikipedia: Lóstrego > Relampo mostra unha impresionante secuencia de como evoluciona un lóstrego.

En fin, seguiremos por aquí. Saudiños!

Written by excalibor in: ensaio,filoloxía | Etiquetas: , ,

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes