Xuñ
20
2013
--

Actualización

Ah, moito pasou dende a última vez que escribira aquí… Pasou o NaNoWriMo, dúas veces! Pardo de Cela, ben, grazas, mais precisa traballo, moito. A nova novela do Nano do ano pasado tamén, quedei completamente atascado nun punto bastante crucial. Teño pensado rematala, era unha historia de bastante actualidade, ademais de histórica e educativa… 🙂

Xa vos contarei, pois teño que me documentar sobre algunhas cousas antes de retomala.

E penso que quedei sen o blogue das Bolboretas. O ben, xa as publicarei de novo aquí.

Un saúdo!

Written by excalibor in: literatura,nanowrimo |
Out
30
2011
2

NaNoWriMo 2011

Despois deste verán tan longo, co frío chega o NaNoWriMo!!! ( http://www.nanowrimo.org/ )

Animádevos a me seguir na aventura de escribir unha novela histórica sobre o Mariscal Pardo de Cela, famoso na miña terra, a modo de celebración, non só da súa historia e da nosa, mais tamén do centenario do nacemento do grandísimo escritor Álvaro Cunqueiro.

Podes seguirme aquí, ou para cousas máis concisas, no Cabozo http://cabozo.com/user/excalibor

Desexádeme sorte, xa que o ano pasado foi terríbel e, ben, pasei 6 meses sen ler e 11 meses sen escribir :-/

Necesitarei do voso apoio! 🙂

Kallisti!

Written by excalibor in: nanowrimo | Etiquetas:
Set
12
2010
3

Insubmisión, insubmissom ou insubmissão?

Eis que remata o verán e en novembro comezará un novo  NaNoWriMo e teño certas dúbidas.

Son moi orgulloso da resposta que os meus compatriotas deron e están a dar aos ataques en contra da lingua alá na Galiza, é doroso vivir isto desde o exilio que supón esa nova onda de emigración, unha enorme vaga que de novo leva galegos a marchar para percurar a vida fóra.

Porén, teño unha inquedanza. A miña nova novela, que será escrita en galego, ficción histórica verbo da propia Historia do país, el terá algunha posibilidade na Galiza? Tras os ataques á lingua, ao sistema educativo, á cultura galega na radio televisión, nas clases e agora tamén nos medios escritos en galego, esta semellanza de concordia en prol da lingua en tempos pre-electorais, non por benvida, será verdadeira? Aínda máis, será posíbel que a lingua sobreviva na Galiza?

Estas son dúbidas egoístas, supoño, xa que logo a novela vai ser escrita porque está a pedir saír de dentro, non para ser publicada. Mais se así for, que futuro pode esperar no minguante mercado galego? Os compañeiros que en Madrid escriben, algún deles a piques xa de publicar a súa segunda novela, din que o mercado galego non é relevante. Xa é duro sobrevivir no mercado español e americano! Son palabras pragmáticas, mais non podo evitar sentir certa xenreira e reivindicar  que a miña lingua tamén é lingua de millóns, é lingua de cultura e de grande e profunda sabedoría!

Só que, aparentemente, na Galiza xa non o saben. Non cando Manuel Rivas vende máis as traducións das súas obras en castelán que os propios orixinais galegos! Non cando o DRAG e o VOLGa son tan pobres en vocabulario que ás veces xa non sei como escribir o que quero dicir e que sexa normativo! Deberei facer como o Presidente da RAG e saltarme as Normas cando estas non chegan? E por que non chegan tras 30 anos de traballo?

O bilingüismo de Madrid (castelán/inglés) comeza a ser odioso, cando cartos que poderían ser usados na educación pública, na sanidade pública, etc van parar aos colexios “concertados”! E a miña lingua, que? A lingua deste políglota, que ri fronte a este bilingüismo pragmático (por que non aprender mandarín? De feito, é moi interesante!) do novo Deus absoluto: a pecunia (el será a nova Deusa? Irónico, non si?).

E a nova RAG? E a Normalización? Onde están? Todo vai demasiado amodo. Por que case é máis doado atopar un dicionario de “Mínimos” para Linux que da normativa oficial? Case que parece que os reintegracionistas mostran máis coherencia e máis feitos con menos recursos para a defensa da lingua que os propios organismos cuxa existencia é precisamente esa defensa… Certamente na miña recente visita ao Porto, alá no Douro, sentinme case máis na casa (lendo os cartazos, visitando librarías, falando coa xente) que este verán nas vilas da Mariña lucense ou en Santiago ou na Coruña.

É realmente producente para a novela ser escrita na normativa oficial ou debería voltar á AGAL como hai anos? Como o propio Lois Pereiro, próximo homenaxeado no Día das Letras? Ou debería, directamente, integrarme no tronco principal e seguir o Novo Acordo Ortográfico?

A novela é para min, así que dá un pouco o mesmo. Mais se algún día eu gustar de publicala, como faría? É algo que deixar nas mans dos editores? Dos lectores? Do cruel fato? Ou debo ser insubmiso e renegar do oficial, que non funciona, e pasar ao outro lado, e loitar con feitos e palabras?

Eis unha grande dúbida que me asalta mentres estudo para mellorar o meu galego escrito, mentres investigo para a miña novela histórica.

Aínda hai tempo até o 1 de novembro. Algún consello?

Written by excalibor in: ensaio,lingüística,literatura,nanowrimo,queixa |
Nov
02
2009
--

Nanowrimo 2009

Pois un ano máis, estamos no NaNoWriMo!

Este ano son un NanoRebelde, e continúo coa edición e reescrita (en parte) de “Desexos”, co gallo de poder rematar dunha vez e tela lista para enviar ás editoriais para finais deste ano…

Xa veremos, polo momento teño bastante traballo adiantado e algunhas ideas seica interesantes para achegar máis o libro ao público que será posibelmente o definitivo, o xuvenil/xoven-adulto.

Xa vos informarei con máis tempo, que ando ás presas coma sempre.

Kallisti!

Written by excalibor in: nanowrimo | Etiquetas: ,
Nov
30
2008
--

O NaNoWriMo acabou

Pois si, hoxe remata o NaNoWriMo 2008.

De 119021 autores que asinaron para participar, hai polo de agora 11381 gañadores, o que está un pouco por debaixo do 10%.

Este ano foi xenial, ademais de gañar o Nano de forma cómoda, conseguín algo que non fixera nunca: rematei a miña novela.

Si, Desexos está rematada. Esperarei un mes para que reposen os bytes no disco duro, e despois comezarei a editala e reescribila para, eventualmente, enviala para que, se alguén está interesado, a publique.

Graciñas a todos os que me apoiaron este mes, perdonade se fun molesto ou algo gruñón, pero que saibades que pagou a pena… 🙂

Ata o ano que ven, NaNoWriMo! Estaremos aí para ti…

KALLISTI!

Written by excalibor in: Anuncio,nanowrimo | Etiquetas:
Nov
23
2008
--

NanoWinner!

Ou sexa, gañador do Nanowrimo… 🙂

Hoxe superei as 50000 palabras, convertíndome en gañador oficioso do NaNoWriMo 2008…!

O de oficioso é porque ata o día 25 non se poden validar as novelas, pero para entón espero ter aínda máis palabras…

O obxectivo, obviamente, é non só superar o reto do Nano de 50000 palabras, senon rematar a novela!

Por unha vez.

🙂

Polo de agora a cousa vai ben. Xa veremos como me apaño na semana que me queda… Posiblemente terei que esquematizar un pouco as cousas ao final, e darlles unha forma máis axeitada despois, con máis calma (sabendo que despois unha boa parte será eliminada na revisión do borrador, que mundo ingrato!)

Mantereivos informados…

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,nanowrimo | Etiquetas:
Nov
19
2008
--

Desexos: Fin da Primeira Parte

Rematou a “Parte I” de Desexos, que finalmente consiste (no borrador inicial que sae do Nanowrimo) en cinco capítulos.

Foi realmente divertida de escribir, e como podedes imaxinar pola prograsión que levo, os capítulos escribíronse practicamente eles sos…

Agora, para a última semana longa do Nanowrimo, encaro o resto da novela. En vez de seguir a este ritmo, decidín seguir o consello do fundador Chris Baty e de outros escritores que nos mandan charlas de ánimo e consellos, e escribir oresto da novela dentro do plazo no Nano, aínda que saltándome ou resumindo cousas.

Así que o novo obxectivo para o resto de novembro é rematar a novela (con máis de 50.000 palabras, claro).

Por iso, hoxe empezarei a “Parte II, III, etc”. Literalmente.

Por outra banda, a historia que se vai desenrolando na primeira parte, como unha espiral, foi sufrindo unha transformación cualitativa que se notará nas seguintes partes: unha espiral que comeza pequena e remata abarcando algo enorme. En serio.

🙂

Pola outra banda máis (si, hai máis de dúas bandas, que pasa que non pensades máis que en fútbol? 😛 aparecen novos personaxes que antes non tiñan cabida, personaxes interesantes que serán un reto importante, de verdade, espero non quedar bloqueado…

Por último, é posible que Desexos deixe de ser un bo título… Pero como nome en clave para o borrador segue a ser bo… Isaac Asimov dicía que el gostaba dos títulos cortos porque así cabían mellor nas listas de candidatos a premios Hugo, Nébula, etc… Harlan Ellison escribía novelas con títulos tan longos que moitas veces non podían nominar a ninguén máis porque non cabían, así que el insistía en títulos cortiños… 🙂 Xeniais, Isaac e Harlan, como non podía ser de outra maneira…

En fin, que este Nanowrimo está a ser moi sorprendente e divertido. Non é que escribir novela histórica non sexa divertido e sorprendente, pero éo doutra maneira, máis pesada (polos libros de documentación que hai que carregar, a documentación que uso para Desexos é básicamente unha libretiña pequena…).

En fin, que xa vos contarei… Aos demais participantes do nanowrimo, ánimo!

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,nanowrimo | Etiquetas:
Nov
12
2008
--

Case na metade

En fin, hora de actualización.

Este ano o NaNoWriMo vai moi ben, como podedes ver nos enlaces da caixa lateral… Se todo vai ben, hoxe superarei o primeiro punto de control que me marquei e, se sae un bo día, a metade do Nano! 🙂

Non sei, quizais teña que esperar a mañá, xa veremos…

Mirando as notas que teño da novela, e o que me queda do guión, este ano tamén sairá unha novela bastante máis longa das 50.000 palabras requiridas para o concurso, pero estou a disfrutar bastante e espero ter folgos abondo para seguir con ela e rematala (dunha vez 😛 )

En fin, hoxe espero rematar a última escena do capítulo terceiro, e creo que o cuarto capítulo marcará o fin da primeira parte (non estou 100% certo).

Como puntos a salientar, comentar que xa na primeira semana, apareceu de súpeto un novo personaxe que non se quixo marchar máis: comezamos ben! O caso é que, de tódalas maneiras, é un bo personaxe e creo que pode servir de pivote para o eixo protagonista-coprotagonista, sobre todo tendo en conta que na segunda parte da novela aparece un novo personaxe (ata o de agora simplemente amosado nun interludio) que xogará un importante papel como guía da protagonista, digo do protagonista, en fin, é complicado de explicar… 😉

En fin, ánimo a todos os participantes (máis de 113.000, incríbel!) deste décimo aniversario do NaNoWriMo!

KALLISTI!

Written by excalibor in: Anuncio,nanowrimo | Etiquetas: ,
Nov
01
2008
--

Entrevista!

Os rapaces do Certo. O Xornal Gratuito do Barbanza fixeronme unha entrevista, que subiron hoxe a súa revista na edición dixital.

Na sección de Cultura.

Grazas aos compañeiros de Certo. O seu traballo é realmente incríble, e agora estou máis motivado do que nunca estiven! 🙂

En fin, media hora e alá imos!!

Kallisti!

PS- Actualización: como a nova vai desaparecendo pouco a pouco da portada, deixo aquí enlace directo á entrevista en Certo

Written by excalibor in: Anuncio,entrevista,nanowrimo | Etiquetas: ,
Out
30
2008
--

Un día e pouco máis

É o que queda para o Samaín e para que comece o NaNoWriMo 2008.

Deixo aquí unha proba da miña participación… 🙂

NaNoWriMo 2008

NaNoWriMo 2008

Boa sorte a todos!

Kallisti!

Written by excalibor in: Anuncio,nanowrimo | Etiquetas:

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes