Novo mes
Posted in literatura, nanoedmo on febreiro 2nd, 2009E nova entrada, aínda que preferiría ser un pouco máis constante con isto de escribir no blogue…
En fin, rematei de ler un libriño que merquei en Lugo o pasado Nadal, A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre. Gostei moito del, aínda que se me fixo un pouco curto, a verdade. A autora gañou o Premio Merlín de literatura infantil no ano 1994, pero a verdade o tema podería dar para unha maior novela histórica, para nada infantil/xuvenil (que son xéneros realmente importantes, dado que son os que crean os leitores do mañá).
Así con todo, foi moi agradable de ler, si, señor. E agora estou a ler María das batallas, do maldito Alfredo Conde. Digo isto porque o rapaz (vale, o home) non só escribe moi ben, senon que esta novela é (grosso modo) a terceira parte da miña, Invencible, do Nanowrimo 2008! Claro, a ver quen é o guapo que compite contra iso!
Anda que tamén…
En fin, polo menos estou a disfrutar con ela… Mellor que sexa boa, Alfredo!
E como outra nova, recén ten chegado o aviso de preparación do NaNoEdMo, un derivado do Nanowrimo, no que o obxectivo é coller a novela do Nano e traballar nela 50 horas de edición. Parece fácil, pero non o é, nin de coña! Así, por primeira vez, irei ao Nanoedmo coa miña novela do Nanowrimo, Desexos… o primeiro será atoparlle un bo título!
Xa vos irei contando como paso o mes de marzo…
Pois iso… Un saúdo e bo Imbolg, febreiro é un mes especial…
