Nanowrimo 2009

Posted in nanowrimo on novembro 2nd, 2009

Pois un ano máis, estamos no NaNoWriMo!

Este ano son un NanoRebelde, e continúo coa edición e reescrita (en parte) de “Desexos”, co gallo de poder rematar dunha vez e tela lista para enviar ás editoriais para finais deste ano…

Xa veremos, polo momento teño bastante traballo adiantado e algunhas ideas seica interesantes para achegar máis o libro ao público que será posibelmente o definitivo, o xuvenil/xoven-adulto.

Xa vos informarei con máis tempo, que ando ás presas coma sempre.

Kallisti!

O NaNoWriMo acabou

Posted in Anuncio, nanowrimo on novembro 30th, 2008

Pois si, hoxe remata o NaNoWriMo 2008.

De 119021 autores que asinaron para participar, hai polo de agora 11381 gañadores, o que está un pouco por debaixo do 10%.

Este ano foi xenial, ademais de gañar o Nano de forma cómoda, conseguín algo que non fixera nunca: rematei a miña novela.

Si, Desexos está rematada. Esperarei un mes para que reposen os bytes no disco duro, e despois comezarei a editala e reescribila para, eventualmente, enviala para que, se alguén está interesado, a publique.

Graciñas a todos os que me apoiaron este mes, perdonade se fun molesto ou algo gruñón, pero que saibades que pagou a pena… :-)

Ata o ano que ven, NaNoWriMo! Estaremos aí para ti…

KALLISTI!

NanoWinner!

Posted in Anuncio, nanowrimo on novembro 23rd, 2008

Ou sexa, gañador do Nanowrimo… :-)

Hoxe superei as 50000 palabras, convertíndome en gañador oficioso do NaNoWriMo 2008…!

O de oficioso é porque ata o día 25 non se poden validar as novelas, pero para entón espero ter aínda máis palabras…

O obxectivo, obviamente, é non só superar o reto do Nano de 50000 palabras, senon rematar a novela!

Por unha vez.

:-)

Polo de agora a cousa vai ben. Xa veremos como me apaño na semana que me queda… Posiblemente terei que esquematizar un pouco as cousas ao final, e darlles unha forma máis axeitada despois, con máis calma (sabendo que despois unha boa parte será eliminada na revisión do borrador, que mundo ingrato!)

Mantereivos informados…

Kallisti!

Desexos: Fin da Primeira Parte

Posted in Anuncio, nanowrimo on novembro 19th, 2008

Rematou a “Parte I” de Desexos, que finalmente consiste (no borrador inicial que sae do Nanowrimo) en cinco capítulos.

Foi realmente divertida de escribir, e como podedes imaxinar pola prograsión que levo, os capítulos escribíronse practicamente eles sos…

Agora, para a última semana longa do Nanowrimo, encaro o resto da novela. En vez de seguir a este ritmo, decidín seguir o consello do fundador Chris Baty e de outros escritores que nos mandan charlas de ánimo e consellos, e escribir oresto da novela dentro do plazo no Nano, aínda que saltándome ou resumindo cousas.

Así que o novo obxectivo para o resto de novembro é rematar a novela (con máis de 50.000 palabras, claro).

Por iso, hoxe empezarei a “Parte II, III, etc”. Literalmente.

Por outra banda, a historia que se vai desenrolando na primeira parte, como unha espiral, foi sufrindo unha transformación cualitativa que se notará nas seguintes partes: unha espiral que comeza pequena e remata abarcando algo enorme. En serio.

:-)

Pola outra banda máis (si, hai máis de dúas bandas, que pasa que non pensades máis que en fútbol? :-P aparecen novos personaxes que antes non tiñan cabida, personaxes interesantes que serán un reto importante, de verdade, espero non quedar bloqueado…

Por último, é posible que Desexos deixe de ser un bo título… Pero como nome en clave para o borrador segue a ser bo… Isaac Asimov dicía que el gostaba dos títulos cortos porque así cabían mellor nas listas de candidatos a premios Hugo, Nébula, etc… Harlan Ellison escribía novelas con títulos tan longos que moitas veces non podían nominar a ninguén máis porque non cabían, así que el insistía en títulos cortiños… :-) Xeniais, Isaac e Harlan, como non podía ser de outra maneira…

En fin, que este Nanowrimo está a ser moi sorprendente e divertido. Non é que escribir novela histórica non sexa divertido e sorprendente, pero éo doutra maneira, máis pesada (polos libros de documentación que hai que carregar, a documentación que uso para Desexos é básicamente unha libretiña pequena…).

En fin, que xa vos contarei… Aos demais participantes do nanowrimo, ánimo!

Kallisti!

Case na metade

Posted in Anuncio, nanowrimo on novembro 12th, 2008

En fin, hora de actualización.

Este ano o NaNoWriMo vai moi ben, como podedes ver nos enlaces da caixa lateral… Se todo vai ben, hoxe superarei o primeiro punto de control que me marquei e, se sae un bo día, a metade do Nano! :-)

Non sei, quizais teña que esperar a mañá, xa veremos…

Mirando as notas que teño da novela, e o que me queda do guión, este ano tamén sairá unha novela bastante máis longa das 50.000 palabras requiridas para o concurso, pero estou a disfrutar bastante e espero ter folgos abondo para seguir con ela e rematala (dunha vez :-P )

En fin, hoxe espero rematar a última escena do capítulo terceiro, e creo que o cuarto capítulo marcará o fin da primeira parte (non estou 100% certo).

Como puntos a salientar, comentar que xa na primeira semana, apareceu de súpeto un novo personaxe que non se quixo marchar máis: comezamos ben! O caso é que, de tódalas maneiras, é un bo personaxe e creo que pode servir de pivote para o eixo protagonista-coprotagonista, sobre todo tendo en conta que na segunda parte da novela aparece un novo personaxe (ata o de agora simplemente amosado nun interludio) que xogará un importante papel como guía da protagonista, digo do protagonista, en fin, é complicado de explicar… ;-)

En fin, ánimo a todos os participantes (máis de 113.000, incríbel!) deste décimo aniversario do NaNoWriMo!

KALLISTI!

Entrevista!

Posted in Anuncio, entrevista, nanowrimo on novembro 1st, 2008

Os rapaces do Certo. O Xornal Gratuito do Barbanza fixeronme unha entrevista, que subiron hoxe a súa revista na edición dixital.

Na sección de Cultura.

Grazas aos compañeiros de Certo. O seu traballo é realmente incríble, e agora estou máis motivado do que nunca estiven! :-)

En fin, media hora e alá imos!!

Kallisti!

PS- Actualización: como a nova vai desaparecendo pouco a pouco da portada, deixo aquí enlace directo á entrevista en Certo

Un día e pouco máis

Posted in Anuncio, nanowrimo on outubro 30th, 2008

É o que queda para o Samaín e para que comece o NaNoWriMo 2008.

Deixo aquí unha proba da miña participación… :-)

NaNoWriMo 2008

NaNoWriMo 2008

Boa sorte a todos!

Kallisti!

Desexos: Nanowrimo 2008

Posted in Anuncio, nanowrimo on outubro 28th, 2008

Xa está decidido: Desexos será a miña novela este Nanowrimo 2008.

É unha historia de fantasía “urbana”, ambientada nunha cidade galega anónima e ficticia, onde os protagonistas terán que resolver un misterio e enfrontarse a un inimigo máis-grande-que-a-vida.

A orixe desta novela data do ano pasado, durante o Nanowrimo 2007, baseada nunha semente plantada por Neil Gaiman na súa serie de Lucifer. É unha pequena semente que non chega nin á altura de homenaxe, mais ten moitas posibilidades, que eu gustaría de explorar.

Finalmente, tamén é unha historia dunha viaxe iniciática, dunha exploración do propio concepto de ser e de un mesmo, unha pequena Odisea polas paisaxes oníricas dos soños e da mente.

E xa non podo dicir máis… :-)

De todas formas, prometo contar máis cando o asunto comece (vaaaale).

Saúdos e ánimo a todos!

Kallisti!

Crise documental

Posted in queixa on outubro 17th, 2008

Pois si, a falta de escasas dúas semanas para o comezo do Nanowrimo, estou en crise: toda a miña documentación para a novela, Naufraxio, desapareceu nunha morea de caixas. O certo é que non creo que poda atopala a tempo, nin que, no caso improbábel, que me sexa de moita utilidade agora…

Así que, adaptándome ás circunstancias, co espírito do Nano en plena euforia, estou pensando en adaptarme e retomar unha nobre e centenaria tradición literaria galega e poñerme con unha idea fantástica que tiven durante o Nano do ano pasado.

Máis novas proximamente…